lunes, 21 de octubre de 2013

As Festas do Outono: A Esfolla

Para a celebración da Esfolla na escola tivemos a sorte de contar con dúas mamás que nos viñeron a contar como celebraban esta festa na súa casa.




Raquel e Teresa trouxéronnos unha presa de mazarocas para debagar (ou debrullar) na clase e despois peneirar o maínzo.



Mentres o faciamos contáronnos que non todo o millo é igual nin se utilizaba para o mesmo, desta forma un tipo de millo prantábase para alimentar aos animais (galiñas, porcos, vacas...) e outro para facer o pan.



O pan de millo probámolo grazas ao noso panadeiro Xosé que nos regalou unha bola riquísima!




Mirade que pintaza! É un pan máis denso e máis amarelo que o de trigo. A códea triscaba ao mordela. MMMmmmmmm...







Raquel contábanos que as follas das mazarocas, unha vez que estaban secas e só as follas que quedaban pegadas ao millo,  utilizábanse como recheo para o colchón e as almofadas.

Nesta foto, Álex atopou unha "reina" que é o grao de millo que é de cor vermella.





Trouxéronnos unha peneira para vela de cerca e peneiramos un cacho para ver como caían os liscos e quedaban os graos limpiños enriba da rede.




Aínda temos pendente comer unhas pombiñas de millo, que é outro grao diferente ao que vimos na escola, pero tamén é millo.

Para rematar a festa aprendimos unha canción da esfolla do grupo migallas:




Este foi o noso día de Esfolla. Resumímovolo nun vídeo pequeniño coas fotos.
GRAZAS RAQUEL E TERESA!!

domingo, 20 de octubre de 2013

Os Cinco Sentidos

Preparando o nariz, ollos, boca e mans... que imos comezar!!
Esta semana empezamos a traballar os cinco sentidos "Oído, olfacto, vista gusto e tacto".
Para iso fixemos un experimento: cos ollos vendados ulimos, palpamos e probamos alimentos que nos daba a profe María.



Os alimentos do experimento foron: mandarina, limón, chocolate con leite, chocolate con laranxa, pepinillos en vinagre, aceitunas e chourizo. Tivemos que recoñecelos sen miralos e fixarnos ben no seu olor, textura e sabor.




Despois traballamos con catro especias: pementa negra, pementa branca, pimentón doce e curry. Para iso destapamos os ollos e puidemos ver as distintas cores.

Por último, elaboramos un rexistro e fixemos unha clasificación dos alimentos polo seu olor, sabor, cor e textura.

Cada un de nós ten preferencias por alimentos diferentes en función dos sabores e as texturas. Martín debecía polo acedo do limón, mentres que a Silvia encantáballe o contraste de amargo e doce do chocolate con laranxa. A Kiara encantoulle a cor do pimentón doce e a Sara gústalle moito a pulpa suave e húmida da mandaria. Entre todos fumos expoñendo as cousas que máis nos chamaron a atención e anotamos na folla de rexistro os datos.

Tan só queda arquivar as conclusión do noso experimento da semana.

As Festas do Outono: A Vendima.

"Chegou o outono, tempo de castañas.
Varean castiñeiros rapaces e rapazas."

Chegou o outono e con el as súas festas tradicionais. Este ano decidimos levalas á escoliña para disfrutalas todos xuntos.

A primeira festa que celebramos foi a da VENDIMA.



Antes de comezar vimos un pequeno video sobre a vendima e fotos de como recolleron as nosas uvas. A profe Soraya tróuxonos follas de parra para que as viramos.

A continuación probamos uvas romanas, uva branca e uva vermella de mesa para ver a diferencia que había entre elas. As uvas de mesa eran máis doces que a romana e por dentro tamén eran diferentes.




Despois espachurramos a uva para facer un zume riquísimo, un pouco acedo pero moi saboroso.




Por último pintamos uns debuxos coa pel das uvas do viño, secándoas antes con coidado para expremer toda a color. De cada uva saía unha cor distinta!!
Os nosos traballos os deixamos expostos na escoliña.


 A vendima é unha tradición moi arraiagada na nosa terra. Na nosa zona as uvas saen das parras, pero na zona de montaña prántanse vides  en paredóns á veira dos ríos. Rematamos cunha cantiga na vendima, da mesma forma que facían os nosos avós e avoas.


Bonecas de mainzo

A mediados do século pasado a esfolla era, ademáis dunha tarefa agraria, un acto social. Para recoller as espigas da leira había que levar o carro e xuntábanse parentes e veciños na cociña e mentres esfollaban contábanse contos e todas as novas da aldea. Despois de acabar a esfolla nunha casa íase para outra. Os nenos axudaban no que podían. Para secar as espigas esfolladas había que levalas ó horreo. Logo levábase ao muiño para moer o gran. O mainzo mesturado con centeo era o pan que se comía todo o ano.


Nós na escola comezamos esfollando unha mazorca para despois decorala con dous chinchetas de cores a modo de ollos, unha chincheta dourada que é o nariz; e un gusaniño de plastilina que representa a boca. Estamos a facer unha BONECA DE MAINZO

Despois cada neno e nena comezou a coser a man o vestido da súa boneca.
Nunha tira de fieltro recortaron as mans e as coseron ao vestido.

Logo rechearon as mangas con papel enrugado e colocaron o vestido á mazorca.

Finalmente hilvanaron o cuello e fixeron un lazo para que quedara xusto á medida da mazorca. Con cola branca pegamos os pelos secos da mazorca para facer o cabelo. E así de bonitas quedaron!!

sábado, 19 de octubre de 2013

Os bailarines

En Educación Artística repasamos conceptos de Coñecemento do Medio, por iso para afianzar o tema das articulacións do corpo confecionamos en cartolina uns bailarines. Primeiro os nenso pintaron con moitas cores a parella de bailarines. Logo recortaron as pezas. Cun punzón fixeron os buracos para despois meter os encadernadores e unir as articulacións.

Estes foron algúns dos seus traballos...


viernes, 18 de octubre de 2013

BENVIDOS AO CURSO 2013/2014!!

Arrancamos o novo curso escolar estrenando escola!!

Mentres agardamos a que rematen as obras na Carreira, quitamos as teas de araña en Montefaro para revivila como escola rural. Estamos contentos porque cada día nos visita un burriño, vese o mar e atopamos bechos interesantes. Temos ata unha mascota! Unha araña tigre que teceu a súa gran tea na fiestra do fondo da nosa aula. Cando chove escóndese debaixo das frores.

Comezamos!! 

lunes, 14 de octubre de 2013

Mandalas tibetanos

O eixo vertebrador das actividades anuais deste curso é ASIA e por iso comezamos na área de Educación Artística cos Mandalas Tibetanos. Cada alumno escolleu o mandala que máis lle gustaba e, con moita concentración e atención e o máis en calma posible, comezaron a pintala dende o centro á periferia. Pois é deste xeito como o mandala proporciona máis beneficios:
  • Calman a mente e as emocións 
  • Inducen sentimentos de tranquilidade e ledicia
  • Reducen o estrés e baixan a tensión arterial
  • Xeneran bienestar e boa saúde
  • Aumentan a concentración
  • Estimulan o pensamento creativo e as habilidades para resolver problemas...
Logo de pintalo confecionamos un mural no que pegamos cinco momentos en que os monxes tibetanos comezan o mandala a través de areas de cores, comezan polo centro, tardan meses en rematar un mandala aínda que traballan todo o día, e logo de rematalo o destrúen. Din que o fan para non apegarse aos resultados, pois é moito máis importante o modo en que chegamos ás metas que as metas en sí.